Mostrando entradas con la etiqueta non pan. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta non pan. Mostrar todas las entradas

19/1/14

Garbansoh tohtaoh


A quen non lle gusta petiscar algo salgadiño e crocante cunha cervexa? Aproveitando que tiña o forno quente logo de cocer pan, puxen a tostar uns garavanzos. É moi sinxelo e saen moi ricos:

  • Estender garavanzos cocidos (canto máis secos, mellor) nunha bandexa e enfornar a 200ºC uns 15 min
  • Mentres, preparar nun bol unha pasta con ras al hanout, aceite, limón e sal.
  • Quitar os garavanzos do forno e mesturarlos no bol coa pasta.
  • Enfornar uns 15 min máis atá que estean crocantes (non moito, porque logo endurecerán máis).

Coidado, que son adictivos.

30/7/12

Xeado rápido (e falso) de ameixas


Este ano as ameixeiras e as cabaciñas son tan prolíficas que xa non sei que facer con tanta produción e non deixo de probar cousas novas.

Velaquí unha versión cutre do quick damson ice cream de Nigel Slater (en Tender, vol. II, p. 844). Hoxe, de "a man e amodo", nada. Dame un pouco de vergoña recoñecer que a miña versión leva flan chino e está feita no microondas, pero a verdade é que non está nada malo!

A versión 2.0 será con leite evaporado. Teño ameixas dabondo para facer todos os experimentos do mundo.

4/2/12

Galletas especiadas


INGREDIENTES para unha bandexa
300 g fariña de trigo candeal
100 g azucre moreno
100 g nata caseira (crème fraîche)
un ovo batido
un pouco leite (boteino porque a masa estaba demasiado seca)
xenxibre confitado en anaquiños
canela
cardamomo medio moído
sal

PREPARACIÓN
Mesturo todo ata obter unha masa homoxénea.
Estiro sobre unha lámina de silicona (é unha masa pegañenta).
Corto en cadriños e enforno uns 20 min a 180ºC

21/12/11

Empanadico 2

Repetín o empanadico. Nesta ocasión vai recheo de cabaza xunto cunha boa cantidade de sésamo e non leva azucre por riba, polo demáis é igual. Este quedou mellor cocido, máis seco e crocante, porque foi ao forno na bandexa que se ve na foto, que se quenta ben e dalle calor por baixo. Ah, e o arró desta maneira, sellado cun garfo, queda máis fino, prefíroo así.

15/12/11

Empanadico de calabaza

Baseado na receita da familia aragonesa de Cecília:

INGREDIENTES para unha bandexa de 30 x 40 cm
Para a masa:
200 g auga
100 g azucre de cana
100 g aceite de oliva
1 cullerada de anís en gran
400 g fariña (puxen 285 g de trigo candeal e o resto integral)

Para o recheo:
500 g cabaza cortada fina
azucre de cana
canela

PREPARACIÓN
Mesturar a auga co azucre, o aceite e o anís. Cocer 10 min e verter sobre a fariña.
Amasar e logo deixar repousar 5 min
Estender a metade da masa ben finiña sobre un papel de forno.
Cubrila coa cabaza e espolvorear con azucre e canela.
Tapar co resto da masa.
Sellar ben os bordes, facer un burato no medio e pinchar toda a superficie para que non inche no forno.
Esparexer azucre e canela por riba.
Enfornar a 180º-200ºC uns 45 min

Se sobra masa pódeselle dar forma de tortas e enfornar soas (sen recheo), saen case idénticas ás tortas de aceite de Inés Rosales.

25/10/11

Chilacayote 2011

Os primeiros tarros da tempada, con canela e cravo coma o ano pasado. Acabadiños de facer, coas etiquetas aínda húmidas.

(Que ben soa «chilacayote», moito mellor que «doce de gila» ou «cabello de ángel».)

2/10/11

Galletas integrales con uvas

Unha versión destas galletas, hoxe con trigo integral e uvas e sen limón. Engadín un pouco de soro de leite porque a masa precisaba máis humidade.

7/6/11

Marmelada de frambuesa

Como este ano a primavera está a ser tan morna, a froita toda ven adiantada. Collin unhas poucas frambuesas e fixen a primeira marmelada da tempada. Quedou un pouco espesa...

15/5/11

Strata na fervenza

Hoxe fixemos unha ruta polo río Ulla en Touro (PR-G 121) e por variar un pouco non levamos bocata: levamos unha strata (non, isto da foto non é unha tortilla de patacas). Comémola no salto das Pombas mentres disfrutabamos das acrobacias das lavandeiras. De aperitivo, os pequenos amorodos silvestres que fomos collendo polo camiño.

A strata é unha variante salgada do clásico pudín de pan reseso, leite e ovos.

INGREDIENTES para dous moldes de 1,5 l (abondo para 4 persoas)
250 g pan
500 g leite
4 ovos
200 g touciño entrefebrado (bacon)
1 cebola
unha presada de cogumelos
queixo ralado
tomates secos
un chisco de pimenta

PREPARACIÓN
Cortar o pan en dados e poñelo nun bol grande.
Cortar o touciño en anaquiños e saltealo nunha tixola. Reservalo e na graxa que soltou pasar a cebola, os tomates e os cogumelos, todo en anacos pequenos.
Botar todo o anterior por riba do pan.
Batir os ovos co leite e engadilos tamén. Condimentar.
Remexer e repartir nos moldes engraxados ou empapelados. Cubrilos e deixar repousar varias horas (eu tívenos toda a noite).
Enfornar uns 45 min a 180ºC

Acabado de saír do forno está tenro, pero despois adquire consistencia e aguanta ben varias horas na mochila. Pódese cortar en tacos e comer coa man (nós levamos cubertos porque somos así de finos).

A receita está tirada de aquí.

2/4/11

Galletas de nata


Coa nata que trouxo onte Ramiro fixen as súas galletas favoritas.

INGREDIENTES para unha bandexa
300 g fariña
100 g nata
100 g azucre
1 ovo
raspadura de limón
un chisco de sal

PREPARACIÓN
Mesturar todo ata obter unha masa homoxénea.
Estirar sobre un papel de forno, cortar e enfornar a 180ºC

27/3/11

Un experimento

Mentres se quentaba o forno para o pan improvisei algo entre salgadinhas, regañás e tortas de aceite, con:

150 g fariña
40 g aceite
4 culleradas de auga
sal
sementes de anís
sementes de sésamo
azucre por riba

Non sei moi ben o que son pero desapareceron aos poucos minutos de sacalas do forno!

12/3/11

Salgadinhas de papoila


Vinas no blogue de Moira e tiven que facelas :) Fíxenas con trigo integral porque non tiña espelta e con manteiga cocida porque para iso é antroido, non?

INGREDIENTES para unha bandexa
100 g fariña de trigo
50 g fariña de trigo integral
80 g auga
40 g manteiga cocida
3 g sal
sementes de mapoula e sal Maldon para botar por riba

20/11/10

Chilacayote


862 »Nunca está mi tienda sin fruta a las loçanas,


»muchas peras, e durasnos ¡qué cidras e qué manzanas!


»¡qué castañas, qué piñones, e qué muchas avellanas!


»Las que vos queredes mucho éstas vos serán más sanas.

Juan Ruiz, «Enxiemplo de la abutarda y de la golondrina», Libro de buen amor, Alicante: Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, 2000.

Cabaza de Cambre, cortesía de Sandra vía Adriana.

24/10/10

Choco-chile

Moletes de centeo? Non! Pastas crocantes de chocolate e chile.
A receita, aquí.

5/6/10

Ginger ale

INGREDIENTES para 2 L
200 gr azucre de cana
2 gr lévedo prensado
32 gr xenxibre fresco ralado
2 L auga

A receita está tirada da páxina de Fankhauser. Cheguei alá procurando información sobre como facer queixo caseiro e atopei isto. Por certo, fixen tamén o queixo e algo de pan; está a ser unha fin de semana do máis completa...

Xa bebemos estes 2 L e temos 4 máis en preparación. Hics.

27/1/10

Sourdough pancakes

SOURDOUGH PANCAKES

INGREDIENTES para xente con moita fame
500 gr masa nai (usei fariña corrente Eroski)
2 culleradas de azucre moreno (usei panela)
2 culleradas de aceite
2 ovos
1 colleriña de lévedo químico (Royal)
sal

PREPARACIÓN
Mesturar ben todos os ingredientes e facer na plancha engraxada cunhas pinguiñas de aceite.
Botar unha cullerada de amoado de cada vez (prefíroos pequeniños, como blinis).

CATA
Góstanme moito máis cos que comera ata agora, que sempre me resultaban un pouco masucos. Estes, ainda que gordiños, están ben cocidos e teñen unha textura agradable, case como un panciño brando e lixeiramente tostados por fóra.
Están moi bos con doce pero case mellor con salgado: espinacas, ovos, salmón...
Os da foto levan un fío de melaza por riba.

PROCEDENCIA
Vinos en Wild Yeast e copieinos case tal cal.

25/1/10

Cookies de Sergio

Que ben lle sairon! este rapaz é un manitas.

A receita colleuna de aquí. Non é de dieta, precisamente...

Todo lo que me gusta es ilegal,
es inmoral
o engoooordaa...


7/1/10

Galletas de limón

Están baseadas nestas galletas de laranxa e aceite de oliva e esas, á súa vez, nestes biscotti con arancia e olio d'oliva. O que me gustou da receita é que non leva manteiga, por fin un doce sen manteiga!

Improviseinas co que tiña por casa: fíxenas só con zume de limón porque non me quedaban laranxas e a tona do limón fora no roscón. Engadín un pouco de xenxibre fresco e unhas especias porque pensei que combinarían ben os sabores.

Son rápidas e fáciles de facer e saen moi ricas e crocantes, non doces en exceso e nada graxentas.

INGREDIENTES
80 gr zume de limón
80 gr aceite de oliva
80 gr azucre de cana
300 gr fariña de uso corrente
1 ovo
5 gr lévedo químico (Royal)
sal
un anaco de xenxibre ralado
canela en pó
sementes de anís

PREPARACIÓN
Mesturar todo ben ata obter unha masa moi densa e deixar repousar media hora no frigorífico.
O paso seguinte sería, en teoría, estender a masa e cortala. Como eu non fun quen de facelo porque se pegaba, empreguei dúas técnicas alternativas:
  • ir collendo pegotes de masa cunha culler, coas mans molladas darlles algo de forma e colocalos nunha bandexa (véxase o resultado no pratiño da dereita).
  • esgotei a paciencia: o resto da masa boteino noutra bandexa e estendina como puiden coa rasqueta que ten pinchos e nunca utilizara, logo troquelei linhas de puntos para poder partir as galletas unha vez enfornadas e esparexín azucre por riba (véxase o resultado no pratiño da esquerda).
Enfornei as dúas a baixa temperatura (uns 170ºC) para que quedasen ben crocantes. Os boliños, que eran máis grosos, estiveron uns 40-45' no forno; os outros uns 25-30'

A presentación, se cadra, non é moi boa, pero a verdade é que están riquísimas e non dan traballo ningún.

9/12/09

Perníková chaloupka... a kamaradky


GALLETAS DE XENXIBRE

INGREDIENTES para unha bandexa
250 gr pan relado (segundo o paquete, contén lévedo!)
25 gr azucre [10%]
50 gr manteiga abrandada [20%]
125 gr leite morno [50%]
1 ovo
sal
xenxibre
canela
noz moscada
pimenta

PREPARACIÓN
Mesturar todo ate obter unha masa homoxénea. É unha masa dura. Estirar tratando de deixala relativamente fina e cortar en cadradiños. Pódense vernizar con ovo pero non me apetecía complicarme nin ensuxar moito cacharro.
Colocar na bandexa e enfornar 25' a 160ºC

CATA
Non quedan moi doces pero están ben así. O que si precisarían é un pouco máis sal (que non pesamos). Malia a cantidade de manteiga non saen graxentas. Moi ricas para tomar con café ou te. Encántame esta combinación de especias :-d

Marta: con estas galletiñas improvisadas estreamos a bandexa galleteira que nos trouxeches de Oviedo, grazas!! En canto axustemos ben a receita lévoas para que as catedes, a ver se vos gustan.