Mostrando entradas con la etiqueta lévedo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lévedo. Mostrar todas las entradas

24/5/14

Du pays





Un molete à l'ancienne para probar o trigo do país da panadería do Tres, en Vilarmaior. É un pan suave, algo doce, cunha codia dun ton dourado precioso e o miolo entre branco e amarelo.

INGREDIENTES
500 g fariña de trigo do país
400 g auga [80%]
1 g lévedo seco
7,5 g sal [1,5%]

PREPARACIÓN
Mesturar todos os ingredientes nun bol grande e remexer ben. Tapar e gardar no frigorífico 36 h ou máis.
Deixar temperar un rato.
Esparexer fariña na encimeira e verquer a masa.
Con coidado, formar un paquetiño pregando unha vez en cada xeito, sen desgasar.
Deixar repousar un pouco (este podería ter estado máis).
Enfornar con vapor 20 min a 240ºC e 40 min sen vapor a 200ºC. Non está cru en absoluto, pero penso que agradecería 10 minutiños máis de forno.

5/1/14

Roscón


Estupendo roscón de reis, tenro, esponxoso, suave e menos tostado do que semella na foto.
Este ano fíxeno coa receita de Ibán (Pan casero, p. 176), con mínimos cambios: substitúo a manteiga por manteiga cocida, o ron por auga e acrecento un toque de esencia de anís. Forno a 180ºC cuberto cunha folla de papel de aluminio.

Pan persa


Un pan facilísimo e que gusta sempre, do libro de Ibán, Pan casero, p. 140.

31/12/13

Pauciños crocantes


Unha adaptación dos sesame bread sticks de Hamelman (Bread, p. 255), incorporando millo para os facer máis crocantes e saborosos.

INGREDIENTES para unha bandexa

130 g fariña de trigo do país
70 g fariña de millo
112 g auga  [56%] (puxen máis, que non medín)
12 g aceite [6%]
3 g sal [1,5%]
1 g lévedo seco
sementes de sésamo e nigella para decorar

PREPARACIÓN
Poñer o millo nun bol, botar por riba a auga fervendo, mollándoo ben, e deixar repousar un pouco, tapado.
Engadir o trigo, sal e lévedo e amasar (pódese facer dentro do mesmo bol).
Aumentei máis auga porque as dúas fariñas son moídas en pedra e absorben moita, pero a masa debe ser máis ben consistente.
Incorporar o aceite e amasar un pouco ata que se integre ben (é fácil).
Deixar levedar (por razóns operativas, estes foron retardados en frío).
Formar barriñas, pasalas por un prato con sementes e enformar uns 15-20 min a 200ºC


24/12/13

Subidón

 

Por fin! subiu ben o pan de molde, sen greñar. Agora fáltame desgasificalo e formalo mellor e, xa postos a pedir, que o forno distribúa ben a calor. A receita, un clásico que nunca falla: o simple milk loaf de Dan Lepard (The handmade loaf, p. 46), algo adaptado.

Rebaixei a cantidade de lévedo a 1%, substituín o golden syrup por un mel de sabor moi suave e a manteiga por aceite de oliva.

7/4/13

Aproveitando


Aproveitando que tiña auga quente de cocer pasta, cocín tamén nela unhas patacas que andaban medio esquecidas pola cociña e comezaban xa a axurumelar. Logo usei esa mesma auga para amasar o pan. Disque fornece máis amidón, o lévedo ten más alimento dispoñíbel e o pan sae máis doce. Non sei que haberá de verdade, o caso é que o pan saiu moi ben.

A receita non pode ser máis sinxela, é un pan de lévedo normal, sen prefermentos, retardos nin pregados e amasado dentro do bol para ter que limpar menos.

INGREDIENTES para un molete de 1,5 Kg
900 g fariña de trigo de forza Bacheldre Watermill
270 g pataca cocida enteira
680 g auga de cocer as patacas (ollo, non todas as fariñas absorben tanto líquido)
40 g manteiga
9 lévedo fresco
9 g sal

PREPARACIÓN
Disolver nun bol amplo o lévedo coa auga e triturar aí a pataca e a manteiga.

Mesturar a fariña e o sal.
Remexer ben até que estea todo ben integrado. Será unha masa pegañenta.
Amasar dentro do bol (eu fixen amasados curtos).
Tapar e deixar levedar.
Formar e deixar repousar de novo.
Enfornar 20 min a 240ºC con vapor e 55 min máis a 200ºC sen vapor.
Deixar arrefriar dentro do forno quente, apagado e coa porta entreaberta.

 

A idea douma unha receita que lin no libro de Elizabeth David, English bread and yeasted cookery (aquí a primeira vez que a fixen) e que fun modificando ao meu gusto.

17/3/13

90% auga, 0% esforzo

 
 

 

O pan à l'ancienne é un dos tipos de pan máis fáciles e resultóns: mesturamos ben a fariña cunha boa cantidade de auga, pouco lévedo e sal nun bol, gardamos en frío e logo dun día e medio ou dous, cocemos.

Estes da foto levan:

500 g fariña de trigo de forza ecolóxica moída en pedra de Bacheldre Watermill
450 g auga [90%]
5 g lévedo fresco [1%]
7 g sal [1,5%]

Non ten segredo ningún: nin se amasa nin lle hai que facer nada nin precisa trebello algún.

27/1/13

De molde

 

Pan de molde para os almorzos e bocatas no traballo. É un simple milk loaf  (Dan Lepard, The handmade loaf, p. 46) un pouco modificado: leva aceite no canto de manteiga, un poolish e a segunda fermentación retardada en frío.

6/1/13

Realmente bo

Non todo o que ten que ver coa realeza e coa tradición ten por que ser malo. Velaquí unha mostra:



INGREDIENTES
Prefermento
90 g fariña
50 g leite
2 g lévedo fresco


Masa final
Todo o prefermento
120-150 g leite aromatizado con tona de laranxa e/ou limón, canela e vainilla
100 g azucre (e algo máis para adornar)
10 g lévedo fresco
2 ovos (e outro para pintar)
60 manteiga cocida de vaca
unha areíña de sal
auga de azahar


PREPARACIÓN
Preparar o prefermento varias horas antes.
Cocer o leite cun pau de canela, tona de laranxa e vainilla e deixalo repousar para que colla ben os aromas.


Amasar todo menos a manteiga, que se incorpora cando o glute xa comezou a se desenvolver.
Deixar levedar nun bol tapado.
Dar forma, pintar con ovo e deixar levedar de novo.
Adornar con azucre.
Enfornar uns 17 min a 180ºC


Receita publicada por Ibán no Foro del pan.

5/1/13

Pan de restos


Comezamos o ano aproveitando restos: puré de pataca, tomate seco, ourego e mestura de sementes de sésamo, nigella e sal maldon.

Non sei por que, estes pans improvisados sempre saen ben.

20/11/12

Pan doce de cabaza


Conxugando o verbo improvisar.


INGREDIENTES

Prefermento
50 g fariña de trigo
100 g leite
5 g lévedo fresco

Masa final
Todo o prefermento.
450 g fariña (usei Bacheldre Watermill Organic Stoneground extracción 80%)
225 g leite (ollo cos líquidos, que non todas as fariñas absorben tanto como esta)
250 g cabaza da horta asada
100 g azucre de cana (usei amarelo areado portugués, parece moita cantidade pero este azucre é pouco doce)
58 g manteiga cocida de vaca
7,5 g sal
canela
cravo

PREPARACIÓN
Preparei o prefermento unhas horas antes (non sei cantas) e deixeino a temperatura ambiente.
Mesturei todo nun bol (en teoría sería bo deixar que se desenvolvese o glute antes de engadirmos as graxas) cunha espátula.
Púxenme cos traballos do mestrado (un pesadelo!) e de cando en cando dáballe á masa unha volta coa axuda da espátula, non tiña ganas de me luxar nin tempo para limpar. É dicir, que de amasado sensu stricto, nada de nada.
Logo dunha hora e pico, repartín a masa en dous moldes engraxados.
Agardei outra hora e pico e enfornei como a 200ºC perto dunha hora, os últimos dez minutos fóra do molde.

24/10/12

Focaccia de uvas


Cunha presada de uvas ácedas-doces que roubei na casa de Laura ocorréuseme facer unha focaccia semidoce. Saiu boísima, moito mellor do que parece na foto.

INGREDIENTES
350 g fariña de trigo ecolóxico moído en pedra (Bacheldre)
90% auga (ollo, non todas as fariñas absorben tanta)
2% sal
1% lévedo fresco
10% aceite

Mesturei todo nun bol menos o aceite. Dinlle unhas cantas voltas cunha culler (non me apetecía ensuxar nada) e deixeino repousar un rato. Logo engadin o aceite e remexín ben ata que estivo ben incorporado a masa.
Gardeino no frigorífico unhas 24 h
Ao día seguinte, saquei a masa e mentres se quentaba o forno estireina un pouco e boteille por riba as uvas e un pouco azucre de cana.
Enfornei cousa de 30 min a 200 e pico ºC e cubrin con azucre en pó.

12/10/12

Naan (sort of)


Improvisando e sempre con présa: hoxe, unha especie de naan, con kéfir (non tiña iogur) e sen pesar nen medir nada.

Pódese comer :)

28/8/12

Primeiro contacto

 
 
 
  

Recibín hoxe o saco de fariña de Bacheldre Watermill que pedira e non fun quen de agardar a probala, podíame a impaciencia.

Fixen o pan máis simple do mundo: unha masa directa con lévedo comercial, sen prefermentos, pregados, retardos, preformados nin lerias (xa, xa sei que as présas son incompatibles co bo pan). Ainda así, o resultado non está nada mal.

A primeira impresión é boa polo que se refire a color, sabor, textura, absorción e forza, veremos como se comporta nunha fermentación longa.

O seguinte, con masa nai.


12/7/12

Pitas

 
 

A típica "masa tonta", que feita desta maneira semella algo especial.

INGREDIENTES
500 g fariña de trigo corrente (Gallo funciona moi ben para isto)
300 g auga [60%]
6 g lévedo fresco [1,2%] ou 2 g lévedo seco
6 g sal [1,2%]

PREPARACIÓN
Amasar ata obter unha masa homoxénea (será moi rápido e fácil).
Deixar levedar tapada 1 h (máis tempo se non vai calor).
Dividir a masa en 12 boliñas (ou máis ou menos, depende do tamaño que se queira) e pousalas nunha superficie enfariñada.
Deixar repousar un pouquiño e estiralas ata obter discos (vense ao fondo na primeira foto).
Quentar o forno á máxima temperatura cunha prancha de ferro dentro ou unha bandexa metálica (o ideal é que sexa grosa e esmaltada de negro): trátase de que acumule a maior cantidade de calor posible.
Botar as pitas sobre a prancha, deixar 3-4 min, darlles volta e enfornar 3 min máis: incharán como bólas, parecerá que van rebentar.
Cubrir cun pano para mantelas mornas e tenras ata a hora de comer.
Abrir por un lado con un coitelo e enchelas co que máis nos guste.

Se se quere, pódense conxelar unha vez frías e logo desconxelalas meténdoas directamente no tostador, lévalles moi pouco tempo: ollo ao abrilas, porque o aire quente do interior queima!

10/7/12

Pan de molde de kamut


Unha variante con kamut do sempre resultón "Simple milk loaf" de Lepard, The handmade loaf, p. 46.

INGREDIENTES
250 g fariña de kamut (Triticatum)
250 g fariña de forza (Haricaman)
350 g (ou algo máis) leite
2 g lévedo seco
20 g manteiga
20 g mel
7 g sal

PREPARACIÓN
Amasar todo o xunto menos a manteiga, que se engade cando xa está algo desenvolvido o glute.
Reposo en bloque cousa de 1 h 15 min
Desgasificado e formado.
Reposo 1 h 15 min ou algo máis.
Pulverizo auga e boto por riba sementes de sésamo.
Forno 1 h a 200ºC escasos.

24/5/12

Unha rosca para o almorzo


Unha rosca doce (pouco doce) sen complicacións para o almorzo.

INGREDIENTES
500 g fariña de forza (Haricaman)
250 g leite morno infusionado con canela, vainilla e cardamomo
50 g manteiga cocida
60 g azucre amarelo areado portugués
2 ovos
5,5 g lévedo seco (un sobre de Maizena)
un chisco de sal
un pouco de azucre para adornar
tona de limón confitada

PREPARACIÓN
Mesturar todo menos os ovos, incorporándoos cando xa estea a medio amasar.
Deixar levedar cousa de 1 h
Incorporar a tona de limón feita anaquiños, formar unha rosca, pulverizar auga para que non seque e deixar levedar outra vez.
Humedecer moi lixeiramente o azucre e colocalo por riba da rosca.
Enfornar 25-30 min (non me acordo) a 180ºC, cuberto case todo o tempo con papel de aluminio para que non colla demasiada cor.

4/5/12

Bollu preñau vexetarianu

 
 
 
 
 
 

A receita deste mes no foro do pan é o bollo preñau e a min prestoume inventar unha versión sen carne.

O recheo é seitán caseiro (receita aquí). Fíxeno con 500 g de fariña candeal e cocino con sidra, allos, sal e pemento doce e picante. Deixeino repousar dous días no líquido da cocción e logo escurrino, piqueino, adobeino e fritino coma se fose zorza.

Fixen unha masa enriquecida para que resultase máis tenra. Boteille:
200 g fariña candeal
120 g leite
27 g crème fraîche caseira
3 g sal
1 g lévedo seco


Amasei nun bol, deixei levedar cousa de 1 h e pico, estirei, puxen o recheo e deixei levedar 1 h máis.
Enfornei 30 min a 200ºC

Fóiseme un pouco a man co sal e co picante (nada grave) pero polo demáis saiu incriblemente bo.

24/4/12

Un experimento: anko bao

Pseudo-anko: a falta de azukis, caricos

Triturei os caricos cocidos con azucre (aprox. 250 g caricos, con auga da cocción e 100 g azucre de cana), a pasta estaba moi boa, sabía como a castañas, pero quedou un pouco solta. Para espesala engadín un par de culleriñas de cacao en pó e refrixerei ata o día seguinte. Espesou pero non dabondo para isto.

Fixen unha masa de pan normal, doce: 200 g fariña corrente, 60% auga, 10% azucre, algo de sal, 1 g lévedo seco e deixeina levedar 1 h. Dividín en 8 partes, metin como puiden o recheo e deixei levedar cousa de 2 h máis.

O resultado é un pouco desastroso:


Mal

Mal tamén

Por sorte, o recendo, o sabor e a textura son bós. Poderíanse facer apostas con este pseudo-anko, ninguén adiviñaría que leva fabas :)

A ver se co que me queda son quen de facer uns profiteroles.

15/4/12

Nutty flavour a esgalla

Fixen este pan cunha fariña aromática, agasallo de meu irmán. É trigo Montcada de Triticatum e arrecende a canela, a mel, a avelás.

A idea era facer un pan de masa nai, que a fariña ben o merece, pero por un problema de horarios non puido ser e foi con lévedo comercial, sen siquera un prefermento. Non me resistín a botarlle un par de culleradas de masa nai (toda a que tiña) coa ilusión de que, como a fermentación ía ser longa, algo faría.


INGREDIENTES para dúas pezas duns 600 g cada unha
412 g fariña de trigo Montcada
388 g fariña de forza (Aragonesa)
560 g auga [70%]
12 g sal [1,5%]
1,94 g lévedo seco (o que quedaba nun sobre)
25 g masa nai de centeo integral [3%]

PREPARACIÓN
Mesturo todo e amaso.
Deixo repousar 3 h a temperatura ambiente, cun S&F dentro do bol cada 60 min
Meto no frigorífico 8 h
Deixo temperar 30 min
Divido en dous, formo e meto nos banetóns 1 h
Enforno sobre a pedra quente 15 min a 240ºC con vapor e 45 min a 200ºC