Nunca a fixera con trigo pero esta vez boteille un pouco e penso que non lle vai mal. A versión de hoxe leva:
300 g fariña de millo
100 g trigo do país
200 g masa nai de centeo
75% auga
1,5% sal
A preparación non pode ser máis simple. Velaquí un completo tutorial con fotos e todo:
Escáldase o millo coa auga, déixase enfriar un pouco e mestúrase todo nun bol amplo.
Déixase levedar no mesmo bol para non ter que limpar moito.
Cando presenta este aspecto, con fendas por toda a superficie, está lista para entrar no forno.
Lévalle perto dunha hora, quedará así de douradiña.
Un miolo compacto e húmido, perfecto para acompañar as sardiñas.