15/7/12
Chocolate zucchini bread
Ainda que nos pareza unha combinación rara, os pans e pasteis de chocolate e cabaciña son bastante comúns nos EEUU.
Velaquí a miña versión (non definitiva, ollo aos *), adaptación desta receita de King Arthur Flour. O resultado non é moi doce, aproxímase máis a un soda bread que a un biscoito; para o meu gusto está ben así, pero os máis larpeiros queixaranse.
INGREDIENTES para un molde de 1,5 L
2 ovos
85 g mel*
85 g aceite
85 g azucre de cana
1 tsp (culleriña) sal
1/2 tsp bicarbonato**
1/2 tsp lévedo químico (Royal)
240 g fariña corrente
85 g cacao en po***
240 g cabaciña relada con pel
PREPARACIÓN
Mesturar nun bol grande os ovos co mel, aceite e azucre.
Engadir o sal, bicarbonato, Royal, fariña e cacao.
Por último incorporar a cabaciña.
Verquer a masa nun molde engraxado.
Enfornar 55 min a 175ºC
A MELLORAR
*A próxima vez botareille melaza de cana no canto de mel, penso que lle ha ir mellor o sabor caramelizado.
**Non entendo moi ben por que o bicarbonato, sobre todo cando a receita orixinal pide cacao á holandesa, que é alcalinizado. Nótaselle un pouco o regusto, o próximo fareino só con Royal.
***Pode que sexa excesiva a cantidade de cacao (amarga un pouco), reducireina a ver.
Máis cousas para probar: penso que admite máis cantidade de cabaciña e que parte da fariña poderíase substituir por integral.
Seguiremos informando.