O pan de hoxe leva fariña francesa (T65 e T110) e cántabra (da panadería de Arredondo) e o pulo da suave e rápida masa nai da miña socia e amiga, tamén procedente de Cantabria.
A receita é a das "Baguettes con masa fermentada" de Bertinet en Crujientes, Barcelona, Blume, 2009, p. 73, pero fixen a masa fermentada con masa nai e non con lévedo, como indica o libro.
Non sei se me enganei coas cantidades ou é que a fariña de Arredondo non absorbe moita auga, o caso é que a masa resultou moito máis branda do que esperaba e fíxome desbotar a idea das baguettes.
Saíu moi ben de sabor, aínda que salgadiño, e o miolo máis tenro do que a foto fai sospeitar.