31/8/12

Tarta de queixo


A sinxela tarta de queixo de toda a vida. Non ten complicación ningunha, pero se non a apunto aquí, seguro que perdo a receita.

INGREDIENTES
250 g queixo fresco
3 ovos
3 iogures (usei kéfir)
1 vasiño de iogur de azucre (usei amarelo areado)
1 vasiño de iogur de fariña
2 culleriñas de Royal

PREPARACIÓN
Batir o queixo cos ovos, azucre e iogur.
Engadir a fariña peneirada co Royal.
Verquer nun molde engraxado e enfornar 45 min a 200ºC

28/8/12

Primeiro contacto

 
 
 
  

Recibín hoxe o saco de fariña de Bacheldre Watermill que pedira e non fun quen de agardar a probala, podíame a impaciencia.

Fixen o pan máis simple do mundo: unha masa directa con lévedo comercial, sen prefermentos, pregados, retardos, preformados nin lerias (xa, xa sei que as présas son incompatibles co bo pan). Ainda así, o resultado non está nada mal.

A primeira impresión é boa polo que se refire a color, sabor, textura, absorción e forza, veremos como se comporta nunha fermentación longa.

O seguinte, con masa nai.


26/8/12

Dosas (uttapam?), primeira aproximación

 

Fixen un primeiro intento de dosas seguindo as instrucións de Wild fermentation, un libro que sempre esperta a curiosidade por probar cousas novas.

Non tiña lentellas peladas na casa e usei unhas pardinas normais (quero dicir con pel) e arroz corrente, polo que a masa quedou grumosa e nada fina, como debería, e en consecuencia as tortiñas saíron grosas e non finiñas como unha filloa, que é como teñen que ser.

De todos xeitos, o que máis me interesaba era comprobar como fermentaba a masa (non houbo problema ningún) e facerme unha idea do sabor. Ainda que as miñas dosas non teñen nada que ver coas orixinais, non están nada mal e véxolles posibilidades.

É unha marabilla a forza coa que fermenta grazas ao kéfir:
 

24/8/12

Pan sueco de centeo con melaza, anís e laranxa


Esta delicia sueca xa é un clásico en casa. Hoxe saiu cunha pinta un pouco rara pero seguro que está ben.

A receita está no foro del pan, e unha das valiosísimas aportacións de Ibán.

21/8/12

Mal


Mal, moi mal que o meu primeiro pan logo das vacacións saia así de pesadote. E mal, moi mal que a fariña do país que adoito comprar estea a dar tan malos resultados.

19/8/12

Bean crackers 2nd ed.


Para estrear o cortapastas que Cecília tivo o detalle de me enviar (moltes gràcies!), unha nova versión destas galletiñas salgadas de aperitivo, esta vez con manteiga (e non aceite) e sen bicarbonato. Creo que me gustan máis desta maneira.

Mágoa que de forma non quedaron moi alá: non escurrín ben as fabas e obtiven unha masa demasiado branda que non se deixaba manexar ben.

16/8/12

Pastetx à Mauléon


Xantando unha especie de talos con touciño e queixo na festa da alpargata de Mauléon-Licharre.

12/8/12

Restaurante sen vistas pero con música


Bocata no lac d'Aule, envoltos por unha espesa néboa e o son dos cencerros dun milleiro de ovellas. Imposible saber cantas nin se están perto ou lonxe.

11/8/12

10/8/12

Bocata en Ordesa (2)


Unha calor abafante e as augas do río Ara estaban TAN frías que non fun quen de me dar un chapuzón.

7/8/12

Outro bocata nos Pirineos


Bocata no lac d'Arrious, nos Pirineos franceses. A dous mil douscentos e pico metros de altitude calquera cousa sabe a gloria.

2/8/12

Carquinyolis viaxeiros


A mellor barrita enerxética, a feita na casa :)

En Roncesvalles, un lugar inmellorable para comezar unha viaxe.