2/8/09

Tvarohové a makové kolace (brioche, 3ª ed)


TVAROHOVÉ A MAKOVÉ KOLACE (BRIOCHE, 3ª ed)

INGREDIENTES para 25 koláce ben xuntiños nunha bandexa
500 gr fariña de forza
300 gr leite (60%)
50 gr manteiga
50 gr azucre
25 gr lévedo prensado (5%)
1 colleriña sal (aprox. 6 gr)
auga de azahar
ovo para pintar
sementes de mapoula e azucre húmido
requeixo e unhas poucas pasas

PREPARACIÓN
Ferver o leite e deixalo arrefiar.
Misturar o leite coa fariña, o lévedo e o azucre. Deixar 10'
Engadir a manteiga, o sal e a auga de azahar.
Amasar ata formar membrana.
Facer unha bola e deixar repousar na neveira ata o día seguinte (estivo unhas 12 h, creceu moito).
Deixar a temperatura ambiente unhas 2 h
Amasar un pouco e desgasificar.
Formar boliños pequenos, aplastalos e deixalos repousar na bandexa do forno, en lugar morno e húmido, aprox 1 h
Facer un oco no medio de cada peza presionando coa punta dos dedos. Encher uns con requeixo e pasas e outros con sementes de mapoula e azucre húmido.
Antes de metelos no forno, pintalos con ovo.
Enfornar 200º 25'

CATA
Moi semellantes (forma á parte) aos auténticos moravské koláce: non especialmente doces nin manteigosos e non levan ovo na masa.
Saborosos e tenros.

Bez práce nejsou koláce

A MELLORAR
Creceron moitísimo, tanto que por pouco se converten en buchty.
Non fun quen de darlles a típica forma aplanada, quedaron como bolos.
Pódese engadir máis leite para que saia unha masa máis branda.
Misturei as sementes de mapoula con azucre a partes iguais e non precisan tanto azucre. O ganapán inofensivo pensa que hai que facer antes unha especie de marmelada fervendo as sementes de mapoula co azucre e unha pouca auga... non sei, haberá que investigar. O certo é que o recheo de sementes de mapoula quedou crocante e non debería.

PROCEDENCIA
Adaptación da receita de
http://www.gastronomiaycia.com/2008/01/20/brioches/

Aumentei a cantidade de leite porque as outras veces que a fixera saíra unha masa demasiado dura. Admite aínda máis da que lle botei.