10/8/09
Pan básico con masa nai, de trigo e escanda 50/50
PAN BÁSICO CON MASA NAI, DE TRIGO E ESCANDA 50/50
INGREDIENTES para dúas pezas pequenas (aprox. 500 gr c/u)
250 gr fariña de forza
250 gr fariña de escanda
260 gr masa nai (100% trigo)
280 gr auga (65%) engadín máis durante o amasado porque vía a masa seca
12 gr sal (2%)
9,5 gr azucre (1,5%)
salvado
PREPARACIÓN
Misturar fariñas, salvado, masa nai e auga. Autolise 20'
Amasar todo seguido. Facer varios stretch & fold, dividir en dúas pezas, dar forma e colocar nos banetóns. [Non me gusta facelo tan a présa pero non tiña tempo, era xa de noite e doíanme os puntos]
Levedaron 5 h no frigorífico e despóis outras 5 fóra.
Tres cortes oblicuos a cada un. Non lles botei fariña por riba, tiñan dabondo da que se lles pegou do banetón.
Enfornado 240ºC 15' con vapor arreo, despois 25' máis a 200ºC (os últimos 10' dados volta para coceren ben por baixo).
CATA
A coida estaba moi ben, o miolo un pouco compacto ainda que tiña algúns buracos ben grandes.
Ao ganapán inofensivo gustoulle moitísimo o sabor pero para o meu gusto quedou un pouco no punto tonto, non se lle nota nada o toque lixeiramente ácedo que normalmente aporta a masa nai.
Mágoa que rebentaron :-( porque a forma redondeada era preciosa. Gústame este tamaño, heino repetir.
A MELLORAR
É un pan feito con menos tempo do acostumado (e do que me gusta) e nótase no miolo.
As dúas pezas quixeron abrirse ao longo malia as tres fendas ben profundas que lles fixen: lección aprendida, cortareinos ao longo a próxima vez.
Probar con outras combinacións de fariñas, como centeo integral.