2/8/09
Pan básico con lévedo e unha pouca escanda (o pan monstro)
PAN BÁSICO CON LÉVEDO E UNHA POUCA ESCANDA (O PAN MONSTRO)
INGREDIENTES para unha peza de 1 Kg
550 gr fariña de trigo
150 gr fariña de escanda
455 gr auga (65%)
14 gr lévedo prensado (2%)
14 gr mel (2%)
14 gr sal (2%)
PREPARACIÓN
Misturar as fariñas e a masa nai. Autolise 30'
Engadir lévedo, sal e mel e amasar.
Fixen un amasado Lepard, 3 pregados en 3 horas.
Despois varios stretch & fold, formado, banetón e ao frigorífico. Ata aquí todo ben, pero este pan ten unha pequena historia. Ocurréuseme facer dous pans case iguais, cos mesmos ingredientes e cantidades agás o fermento: un con lévedo e outro con masa nai e mesmo cocelos xuntos. O de masa nai anda por aí.
Este, o de lévedo, cando levaba unhas 3 horas no frigorífico subira tanto que estaba a piques de rebosar do banetón. Evidentemente era imposible cocer os dous xuntos e se este qudaba toda a noite no frigorífico quen sabe onde podería acabar a cousa. Doume medo que sobrefermentase (á parte das 3 h en frío estivera más de 3 h e media fóra). Saqueino e aquecín o forno. Mentres, creceu tanto (cubriu os bordes do banetón) que pouco lle faltou para rebosar, comerse o banetón, a mesa da cociña, que sei eu...
Envorqueino como puiden e fíxenlle uns cortes. Non se desgasificou nada.
Estivo no forno 15'a 240ºC con vapor arreo, despois sen vapor a 200ºC uns 35' e 10' volto ao revés. Era unha peza dun tamaño impresionante.
Había un cheiro a panadería por toda a casa...
CATA
Foi unha sorpresa: esperabamos un pan sobrefermentado e con sabor a lévedo e diso nada, saiu un pan aromático e doce, bonito e saboroso (e enorme).