20/11/12

Pan doce de cabaza


Conxugando o verbo improvisar.


INGREDIENTES

Prefermento
50 g fariña de trigo
100 g leite
5 g lévedo fresco

Masa final
Todo o prefermento.
450 g fariña (usei Bacheldre Watermill Organic Stoneground extracción 80%)
225 g leite (ollo cos líquidos, que non todas as fariñas absorben tanto como esta)
250 g cabaza da horta asada
100 g azucre de cana (usei amarelo areado portugués, parece moita cantidade pero este azucre é pouco doce)
58 g manteiga cocida de vaca
7,5 g sal
canela
cravo

PREPARACIÓN
Preparei o prefermento unhas horas antes (non sei cantas) e deixeino a temperatura ambiente.
Mesturei todo nun bol (en teoría sería bo deixar que se desenvolvese o glute antes de engadirmos as graxas) cunha espátula.
Púxenme cos traballos do mestrado (un pesadelo!) e de cando en cando dáballe á masa unha volta coa axuda da espátula, non tiña ganas de me luxar nin tempo para limpar. É dicir, que de amasado sensu stricto, nada de nada.
Logo dunha hora e pico, repartín a masa en dous moldes engraxados.
Agardei outra hora e pico e enfornei como a 200ºC perto dunha hora, os últimos dez minutos fóra do molde.