Lin media ducia de receitas de baozi en varios blogs: unhas empregaban fariña chinesa especial, outras all purpose, outras self rising; unhas levaban aceite, outras manteiga; moitas azucre... e deixaban levedar moito, pouco o nada. Total, que fixen o que me pareceu: unha masiña sinxela para probar a ver qué saía, coa intención de ir axustándoa se nos gustaba o resultado. E gustounos, así que repetiremos.
Neste caso o recheo é de lombo de porco asado, repolo salteado con allos e alcaravea e un toque de tabasco.
BAOZI (PLNENE KNEDLIKY)
INGREDIENTES para oito pezas (xusto a cantidade que colle na vaporeira)
200 gr fariña corrente de trigo (Eroski)
125 gr auga [62%]
2 ou 3 gr lévedo prensado [1,5%]
3 gr lévedo químico (Royal) [1,5%]
3 gr sal [1,5%]
PREPARACIÓN
Mesturar o lévedo coa auga e unhas colleradas de fariña. Deixar repousar unhas 2-3 h
Á parte, mesturar a fariña co sal e o lévedo químico.
Amasar todo xunto (pégase un pouco, esta fariña non bebe nada).
Deixar levedar 45'
Dividir a masa en oito boliñas. Facelas pequenas porque logo crecen abondo.
Estirar cada boliña en forma de disco, poñer o recheo no centro, pechar e colocar boca abaixo en cadradiños de papel de forno.
Deixar levedar 45'
Cocer ao vapor (sen quitar os cadradiños de papel, así son fáciles de manexar) durante 12'. Que non se toquen entre elas porque se pegan.
Quitar da vaporeira e deixar arrefiar durante uns minutos sobre unha grella, quitando o papel, para que sequen.
Son uns boliños extremadamente tenros, suaves e lixeiros. Como a masa é un pouco tonta, vailles ben un recheo de sabor intenso.
Levan tan pouco lévedo porque non tiña máis. Penso que se pode prescindir do Royal e do prefermento e botarlles algo máis de lévedo.
---------------------------------
SEGUNDO INTENTO
Fíxenos otra vez, recheos de pisto e queixo, con esta masa:
150 gr fariña corrente (Gallo)
50 gr fariña de repostería (Gallo)
125 gr auga morna [62%]
4 gr lévedo prensado [2%]
3 gr sal [1,5%]
Non fixen prefermento, amasei todo, deixei levedar 45', formei, deixei outros 60' e cocín 13'
Saíron perfectos, máis lixeiros e esponxosos, máis bonitos e perfectamente cocidos. Quedo con esta versión!
---------------------------------
TERCEIRO INTENTO
Coa mesma masa e o mesmo tempo de cocción, recheos de queixo camembert e almendras, e con herbas provenzais e albahaca na masa.
Nesta ocasión estiveron, xa formados e recheos, tres horas no frigorífico (tiña que ir a traballar) e unha máis a temperatura ambiente. E cocinos sen papel, non o precisan na vaporeira de silicona e saen mellor.
Estes foron, con diferencia, os que mellor quedaron de todos. Pouco que ver cos da foto.