16/1/10

Torta de millo (versión light)

É unha versión alixeirada da que levou Adriana á oficina, que estaba riquísima mesmo tres días despois de feita. Tradicionalmente as tortas de millo levan unha boa cantidade de azucre e manteiga e constitúen case unha comida de prato único! Eu preferín reducir ambalas dúas. Aínda así, o de light é un dicir...

A de Adri leva:
  • 250 gr fariña de millo
  • 250 gr azucre [100%]
  • 250 gr manteiga [100%]
  • 6 ovos caseiros

Eu fíxena con:

INGREDIENTES
250 gr fariña de millo (Adpan)
125 gr manteiga [50%]
125 gr azucre [50%]
4 ovos
raspadura de limón
azucre moído

PREPARACIÓN
Mesturar a fariña co azucre, a raspadura de limón e as xemas.
Á parte, bater as claras a punto de neve e engadilas con coidado para que non baixen moito.
Enfornar 45' a 200ºC
Cubrir con azucre moído.

CATA
Saiu pouco doce, xusto ao meu gusto (que non é o de todo o mundo, por exemplo o do Ganapán Inofensivo). Non se lle nota nada o limón; non lle botei moito por medo a que sobresaíse demasiado o sabor e, se cadra, fun comedida de máis.
Gústame moito a textura algo granulosa e crocante que lle dá o millo.

A MELLORAR
Evidentemente, a cantidade desmesurada de manteiga que leva a torta de millo tradicional ten a súa razón de ser: a miña ao día seguinte estaba dura e seca. Igual engadindo leite e/ou outro ovo pódese mellorar.