7/1/10

Galletas de limón

Están baseadas nestas galletas de laranxa e aceite de oliva e esas, á súa vez, nestes biscotti con arancia e olio d'oliva. O que me gustou da receita é que non leva manteiga, por fin un doce sen manteiga!

Improviseinas co que tiña por casa: fíxenas só con zume de limón porque non me quedaban laranxas e a tona do limón fora no roscón. Engadín un pouco de xenxibre fresco e unhas especias porque pensei que combinarían ben os sabores.

Son rápidas e fáciles de facer e saen moi ricas e crocantes, non doces en exceso e nada graxentas.

INGREDIENTES
80 gr zume de limón
80 gr aceite de oliva
80 gr azucre de cana
300 gr fariña de uso corrente
1 ovo
5 gr lévedo químico (Royal)
sal
un anaco de xenxibre ralado
canela en pó
sementes de anís

PREPARACIÓN
Mesturar todo ben ata obter unha masa moi densa e deixar repousar media hora no frigorífico.
O paso seguinte sería, en teoría, estender a masa e cortala. Como eu non fun quen de facelo porque se pegaba, empreguei dúas técnicas alternativas:
  • ir collendo pegotes de masa cunha culler, coas mans molladas darlles algo de forma e colocalos nunha bandexa (véxase o resultado no pratiño da dereita).
  • esgotei a paciencia: o resto da masa boteino noutra bandexa e estendina como puiden coa rasqueta que ten pinchos e nunca utilizara, logo troquelei linhas de puntos para poder partir as galletas unha vez enfornadas e esparexín azucre por riba (véxase o resultado no pratiño da esquerda).
Enfornei as dúas a baixa temperatura (uns 170ºC) para que quedasen ben crocantes. Os boliños, que eran máis grosos, estiveron uns 40-45' no forno; os outros uns 25-30'

A presentación, se cadra, non é moi boa, pero a verdade é que están riquísimas e non dan traballo ningún.