12/12/09

Barras, por fin

Levo uns seis meses facendo pan varias veces por semana e ata agora nunca se me ocurrira facer barras, xa que é un pan que nunca adoito comprar e que non como se hai outra variedade. Pero cando hai pouco fixen o pane siciliano pensei que con esa masa poderíanse facer unhas barras boas. Finalmente fíxenas ainda que non coa mesma masa senon cunha moi semellante que se me ocorreu.

Improvisei unha couche cun pantalón vello cortesía do Ganapán Inofensivo que funcionou á perfección.


INGREDIENTES para dúas barras boas
280 gr fariña de forza (Modesto)
250 gr sémola de trigo (Nomen)
70 gr fariña de trigo galego
378 gr auga [63%]
9 gr lévedo prensado [1,5%]
9 gr sal [1,5%]
6 gr malta [1%]

PREPARACIÓN
Facer un prefermento con:
  • 100 gr fariña de forza
  • 100 gr sémola
  • 125 gr auga
  • 2 gr lévedo
  • 2 gr sal
Esta masiña mantén as mesmas proporcións de humidade e sal do total da masa.
Mesturar ben, deixar un par de horas, amasar un pouco e meter no frigorífico ata o día seguinte (estivo unhas 12 h).

Deixar temperar o prefermento 1 h a temperatura ambiente e preparar unha masa con:
  • 180 gr fariña de forza
  • 70 gr fariña triga galega
  • 150 gr sémola
  • 253 gr auga
  • 7 gr lévedo
  • 7 gr sal (incorporalo mediado o amasado)
  • 6 gr malta
Mesturar o prefermento e a masa e amasar.
Deixar repousar 1 h e pico.
Enfariñar lixeiramente a mesa, dividir a masa en dous e formar barras.
Colocar na couche e deixar repousar 90' Creceron moitísimo.
Aquecer o forno a máxima temperatura.
Enfornar 15' con vapor, baixar a 210ºC e cocer 20' máis.

CATA
Cheiro a auténtica panadería. A codia, crocante, está ben cocida por arriba e por abaixo (por abaixo sospeito que é grazas á bandexa galleteira) pero no demasiado ben polos lados. A sémola aporta ao miolo un sorprendente ton amarelo. Sabor lixeiramente doce, debido á malta? á sémola?

A MELLORAR
A forma e os cortes non saíron demasiado ben pero para ser as primeiras barras non estivo mal de todo.
Tratar de facer pezas máis pequenas, de xeito que saian barras finas que cozan ben.
Boteille a fariña galega para completar a cantidade de fariña que precisaba porque non me quedaba máis de forza. Penso que se pode aumentar un pouco sen problema a proporción de fariña galega (máis saborosa) porque a de forza ten moitísima forza e ha poder ben con toda a masa.
Resultoume complicado pasar as barras da couche á bandexa, non sabía como collelas e pode que as manosease de máis. Haberá que facerse cunha pa.