31/1/10

Pódese amasar unhas natillas?

Pódese.

Tiña intención de facer esta trenza pero algo se torceu. Ou ben metín eu a pata coas cantidades (non sería a primeira vez) ou ben a receita ten algún erro ou ben onde di "é unha masa bastante líquida" debería dicir "é una crema lixeira coa consistencia dunhas natillas".

De todos xeitos amaseina. Iso si, levoume dúas horas (si, dúas) de amasado, cunha hora de repouso (para a masa-natillas e para min) polo medio. Bueno, en realidade nesa hora de intermedio tiven que ocuparme doutro asunto que tiña entre mans. Vaia día pouco atinado que tiven...

Obviamente tiven que esquecerme da trenza e fixen unha rosca. Non saiu demasiado ben pero comémola igual.

De sabor non está nada mal; leva masa nai e manteca cocida e ten un gusto moi de panadería artesá.

A parte positiva é que despois disto atrévome con calquera masa, por líquida que sexa.

Pan con demasiada auga :-(

Fixen mal as contas e boteille á masa case tanta auga como fariña; é dicir, que a taxa de hidratación deste pan é practicamente do 100%

Amaseino no "descanso" entre tanda e tanda de natillas. Uf, vaia día...

Leva polo medio uns allos asados. Non me gusta moito o sabor, atópoo demasiado forte.

29/1/10

100teo (non-sour 100% rye bread)

Esta é a segunda vez que facemos o pan 100% centeo de The handmade loaf de Dan Lepard, con toda esa historia das gachas (imposible desfacer os grumos!). A primeira vez usamos centeo integral e saiu bastante compacto e ácedo. Nesta ocasión, seguindo a receita ao pé da letra e con centeo branco de Betanzos, saiu esponxoso e con sabor suave.

É un auténtico chleb checo ou eslovaco e iso que esquecín a alcaravea.

27/1/10

Sourdough pancakes

SOURDOUGH PANCAKES

INGREDIENTES para xente con moita fame
500 gr masa nai (usei fariña corrente Eroski)
2 culleradas de azucre moreno (usei panela)
2 culleradas de aceite
2 ovos
1 colleriña de lévedo químico (Royal)
sal

PREPARACIÓN
Mesturar ben todos os ingredientes e facer na plancha engraxada cunhas pinguiñas de aceite.
Botar unha cullerada de amoado de cada vez (prefíroos pequeniños, como blinis).

CATA
Góstanme moito máis cos que comera ata agora, que sempre me resultaban un pouco masucos. Estes, ainda que gordiños, están ben cocidos e teñen unha textura agradable, case como un panciño brando e lixeiramente tostados por fóra.
Están moi bos con doce pero case mellor con salgado: espinacas, ovos, salmón...
Os da foto levan un fío de melaza por riba.

PROCEDENCIA
Vinos en Wild Yeast e copieinos case tal cal.

25/1/10

Cookies de Sergio

Que ben lle sairon! este rapaz é un manitas.

A receita colleuna de aquí. Non é de dieta, precisamente...

Todo lo que me gusta es ilegal,
es inmoral
o engoooordaa...


23/1/10

Sourdough con moi pouquiña masa nai

SOURDOUGH CON MOI POUQUIÑA MASA NAI

INGREDIENTES para dúas pezas de 440 gr
525 gr fariña de forza (Cangas)
75 gr centeo integral (Biogredos)
80 gr masa nai de centeo
440 gr auga morna [75%]
9,6 gr sal [1,5 %]
6,4 gr malta [1%]

PREPARACIÓN
Mesturar todo agás o sal. Autolise 1 h
Amasar uns segundos dentro do bol e deixar 1 h máis.
Amasado Bertinet uns 20' incorporando o sal.
Facer unha bola e deixar repousar cuberto uns 90'
Dividir en dous, dar forma e colocar nos banetóns MOI ben enfariñados.
Deixar toda a noite a temperatura ambiente (uns 14ºC). Aumentaron moito de volume. Tempo desde a autolise ata a entrada no forno: unhas 15 h
Quentar o forno a máxima temperatura coa pedra dentro.
Non lles din cortes porque era unha masa algo branda. Creceron ben no forno e non rebentaron.
Coceron 15' a máxima temperatura con vapor e 35' máis sen vapor a 200ºC
Levan tan pouca masa nai porque non tiña tempo de refrescala pero evidentemente con esta cantidade abonda.
Por fin unha codia ben cocida e un miolo cheo de buratos grandes!! De sabor tamén están estupendos.

É incrible o ben que sairon, serei quen de repetilos? :-m

Barra birria

Está claro que non teño moito talento para a formación de barras... :-(