21/4/12

Metedura de pata con final feliz

 
 
 
 

Tiña previsto facer hoxe un molete de millo e trigo de forza. Era unha receita sinxela: escaldar o millo, mesturalo coa masa nai, engadir un pouco máis de fariña de trigo, sal e seguir o proceso cotián. Tiña os cálculos feitos e as cantidades anotadas nun papeliño. Ben. Pois non sei en que andaría pensando, que botei a cantidade necesaria de auga dúas veces. Si: dúas, e o mellor de todo é que non me decatei ata moitas horas máis tarde. A primeira vez foi ao escaldar o millo e a segunda batendo a masa nai. Obtiven unhas natillas preciosas, amareliñas. Botándolle a culpa á pouca capacidade de absorción do millo e sen entender aínda que pasara, engadín centeo integral e un pouco máis de trigo, o que me quedaba... pero non se me ocorreu aumentar o sal en proporción. Ben, moi ben.

Tiña unha considerable cantidade dunha masa excesivamente branda para darlle forma ningunha, así que a remexin ben (para ser exactos, ata que me doeu o brazo) nun bol enorme e repartina en tres moldes engraxados, nun deles mesturei unha boa presada de uvas. Deixeina levedar (delicioso cheiriño a iogur, por certo), enmanteiguei por riba e enfornei 1.30 h a 180ºC-200ºC

Sorprendentemente, pódese comer. E non está malo, non.