30/12/14

Para despedir ben o ano



Para despedir ben o ano, a enésima versión do sour 100% rye bread de Lepard, unha receita que teño feito ducias de veces, con todo tipo de variacións, e que nunca decepciona.

Esta é a miña versión de hoxe, a orixinal está en The handmade loaf, p. 31

INGREDIENTES
Para o escaldado:
240 g auga fervendo
60 g fariña de centeo branco

Para a masa:
Todo o escaldado
200 g masa nai de centeo branco
100 g auga
150 g fariña de centeo branco
150 g fariña de trigo integral
10 g sal
Mel de cana, unha boa cantidade (botei todo o que quedaba no tarro), non o pesei, talvez uns 100 g
Sementes de cabaza sen tostar, dúas presadas xenerosas

Todos os ingredientes son ecolóxicos, todas as fariñas son moídas en pedra de Rincón del Segura.

PREPARACIÓN
Escaldar a fariña coa auga fervendo, mesturar ben e deixar repousar tapado 1 h.
Mesturar todos os demais ingredientes, deixando para o final as sementes de cabaza.
Remexer ben, verquer nun molde e deixar levedar. Eu tíveno unhas 8-9 h; é moito tempo, pero estaba nun sitio fresco e a masa nai andaba un pouco preguiceira. Estivo ao límite pero non se pasou.
Forno 1 h 220ºC e 10 min máis fóra do molde.
Deixar repousar 24 h
Degustar!


24/9/14

8/9/14

Kikos enxebres


Millo corvo cocido en auga e logo tostado no forno sen sal, aceite nin nada. Crocante e moi, moi adictivo.

22/8/14

Bocata en Gredos


Erguerse antes do amencer, tomar un café rápido de pé baixo a luz da lúa, comezar a camiñar coas primeiras luces do día e almorzar no circo de Gredos. Un día perfecto.

14/8/14

Obwarzanek


Nesta viaxe a Polonia o pan foi unha decepción: en dez días percorrendo varias cidades non fun quen de atopar un pan aceptable. Si había moita variedade (trigo máis que centeo), pero todo o que vin era pan industrial de pouca calidade e ningún dos que probei pagaba moito a pena. Supoño que si haberá pan mellor, pero eu non o vin.

Unha excepción e unha sopresa foron os obwarzanki de Cracovia. Unha especie de bagels que os polacos (e tamén os turistas coma nós, por suposto) comen a todas horas. Estes si que estaban realmente bos!

Hai unha receita aquí. O procedimento é moi semellante ao do bagel. Seguirei investigando, porque seguro que non tardo en facelos.

24/5/14

Du pays





Un molete à l'ancienne para probar o trigo do país da panadería do Tres, en Vilarmaior. É un pan suave, algo doce, cunha codia dun ton dourado precioso e o miolo entre branco e amarelo.

INGREDIENTES
500 g fariña de trigo do país
400 g auga [80%]
1 g lévedo seco
7,5 g sal [1,5%]

PREPARACIÓN
Mesturar todos os ingredientes nun bol grande e remexer ben. Tapar e gardar no frigorífico 36 h ou máis.
Deixar temperar un rato.
Esparexer fariña na encimeira e verquer a masa.
Con coidado, formar un paquetiño pregando unha vez en cada xeito, sen desgasar.
Deixar repousar un pouco (este podería ter estado máis).
Enfornar con vapor 20 min a 240ºC e 40 min sen vapor a 200ºC. Non está cru en absoluto, pero penso que agradecería 10 minutiños máis de forno.

17/5/14

Centeo e noces


O sour 100% rye bread de Dan Lepard (The handmade loaf, p. 31) é unha receita que me encanta: o pan sae rico e consérvase toda a semana, a receta é facilísima e admite infinitas variacións. Ás veces fágoo con kéfir no canto de auga e vernízoo cun engrudiño lixeiro, hoxe boteille sementes de liño, un par de culleradas de mel e unha presada de noces da aldea.

Sempre sae ben :)

11/5/14

Bocata en Loiba


Bocata en Loiba (Ortigueira, A Coruña), co cabo Ortegal ao fondo. O pan non era gran cousa, pero con estas vistas, a quen lle importa o pan?

2/5/14

Galletas morunas


Dnha improvisación para aproveitar uns restos saíron unhas galletas estilo moruno bastante resultonas (ou sexa, que seguro que repito), moi boas para tomar con te:

INGREDIENTES para unha bandexa
2 cuncas (cup) sémola
1/2 cunca mel suave
1/2 cunca aceite oliva
canela
anís en gran
sésamo

PREPARACIÓN
Mesturar todos os ingredientes ata que amalgamen ben.
Estender sobre unha bandexa cuberta con papel e cortar en cadriños.
Enfornar uns 40 min a 150ºC. Trátase de que sequen ben pero sen que se torren. Endurecen máis cando enfrían.

19/1/14

Garbansoh tohtaoh


A quen non lle gusta petiscar algo salgadiño e crocante cunha cervexa? Aproveitando que tiña o forno quente logo de cocer pan, puxen a tostar uns garavanzos. É moi sinxelo e saen moi ricos:

  • Estender garavanzos cocidos (canto máis secos, mellor) nunha bandexa e enfornar a 200ºC uns 15 min
  • Mentres, preparar nun bol unha pasta con ras al hanout, aceite, limón e sal.
  • Quitar os garavanzos do forno e mesturarlos no bol coa pasta.
  • Enfornar uns 15 min máis atá que estean crocantes (non moito, porque logo endurecerán máis).

Coidado, que son adictivos.

12/1/14

Repetimos

 
 

A mesma masa da semana pasada, esta vez coa primeira fermentación retardada en frío e algo mellor formado e greñado. Sabor máis ácedo e miolo máis húmido e xelatinizado. Tamén bo. Non hai queixa :)

7/1/14

Un bo comezo


Como me gusta que as cousas saian ben! :))  Non comeza mal o ano, polo menos canto ao pan. A ver se seguimos nesta liña.

INGREDIENTES
300 g fariña de trigo do país moída en pedra de Lalín
200 g fariña de trigo de forza eco moída en pedra Bacheldre Watermill
50 g fariña de millo moída en pedra Adpan
200 g masa nai de trigo de Lalín ao 100%
420 g auga [80%]
10 g sal [1,5%]

PREPARACIÓN
Desfago a masa nai en auga, engado as fariñas e mesturo ben.
Autolise 45 min.
Engado o sal e amaso dentro dun bol grande.
Primeira fermentación 5.30 h (aprox), con 3 S&F
Boleado e formado.
Segunda fermentación en banetón aprox 2 h
Forno ben quente con vapor 20 min, logo sen vapor 55 min a 200ºC
Repousa toda a noite na grella dentro do forno coa porta entreaberta.


 
 
 

5/1/14

Roscón


Estupendo roscón de reis, tenro, esponxoso, suave e menos tostado do que semella na foto.
Este ano fíxeno coa receita de Ibán (Pan casero, p. 176), con mínimos cambios: substitúo a manteiga por manteiga cocida, o ron por auga e acrecento un toque de esencia de anís. Forno a 180ºC cuberto cunha folla de papel de aluminio.

Pan persa


Un pan facilísimo e que gusta sempre, do libro de Ibán, Pan casero, p. 140.

31/12/13

Pauciños crocantes


Unha adaptación dos sesame bread sticks de Hamelman (Bread, p. 255), incorporando millo para os facer máis crocantes e saborosos.

INGREDIENTES para unha bandexa

130 g fariña de trigo do país
70 g fariña de millo
112 g auga  [56%] (puxen máis, que non medín)
12 g aceite [6%]
3 g sal [1,5%]
1 g lévedo seco
sementes de sésamo e nigella para decorar

PREPARACIÓN
Poñer o millo nun bol, botar por riba a auga fervendo, mollándoo ben, e deixar repousar un pouco, tapado.
Engadir o trigo, sal e lévedo e amasar (pódese facer dentro do mesmo bol).
Aumentei máis auga porque as dúas fariñas son moídas en pedra e absorben moita, pero a masa debe ser máis ben consistente.
Incorporar o aceite e amasar un pouco ata que se integre ben (é fácil).
Deixar levedar (por razóns operativas, estes foron retardados en frío).
Formar barriñas, pasalas por un prato con sementes e enformar uns 15-20 min a 200ºC


30/12/13

Mini oatcakes


Unhas oatcakes pequenas e finiñas para petiscar con todo.

INGREDIENTES para dúas bandexas
280 g copos de avea
280 g auga fervendo
28 g manteiga [10%]
3 g sal [1%]
18 g sementes de liño [6%]
Fariña para estender (opcional)

PREPARACIÓN
Moer a avea e o liño co molinillo de café.
Mesturar coa manteiga e o sal.
Escaldar coa auga fervendo e mesturar ben.
Deixar repousar tapado para que absorba ben a auga.
Cando estea morno ou frío, dividir a masa en dúas metades e estender. Se se pega, pódese usar unha pouca fariña.
Cortar os cadriños, colocalos sobre as bandexas e deixar secar.
Enfornar a 150% uns 20 min.

Consérvanse ben varios días (se non as comemos antes, claro) se se gardan nun recipiente hermético.

24/12/13

Subidón

 

Por fin! subiu ben o pan de molde, sen greñar. Agora fáltame desgasificalo e formalo mellor e, xa postos a pedir, que o forno distribúa ben a calor. A receita, un clásico que nunca falla: o simple milk loaf de Dan Lepard (The handmade loaf, p. 46), algo adaptado.

Rebaixei a cantidade de lévedo a 1%, substituín o golden syrup por un mel de sabor moi suave e a manteiga por aceite de oliva.

22/12/13

Pan para todos

 

Non me gusta vivir nun país que ten as súas fronteiras defendidas con coitelas, un país no que a xente procura comida nos contedores de lixo e onde ten máis dereitos quen máis ten.

Pan para todos en 2014.

8/7/13

Mr. Figgy Mostardo


Atopei a receita do figgy mostardo en Preserves, ese libro tan británico de Pam Corbin. O nome pareceume tan simpático que pensei que seguro que estaba bo. Aínda non o probei, precisa varias semanas de repouso. A mestura de ingredientes é un pouco rara para o que se estila por aquí: mostaza, figos secos, vinagre, zume de pomelo e azucre.

A forma do pan tamén é un pouco rara, é que non collía no forno.

12/5/13

Sen


Sen (case) amasado, sen pregados, sen formado, sen segunda fermentación, sen esforzo, sen reloxo.

Con sabor :)