11/5/14
Bocata en Loiba
Bocata en Loiba (Ortigueira, A Coruña), co cabo Ortegal ao fondo. O pan non era gran cousa, pero con estas vistas, a quen lle importa o pan?
2/5/14
Galletas morunas
Dnha improvisación para aproveitar uns restos saíron unhas galletas estilo moruno bastante resultonas (ou sexa, que seguro que repito), moi boas para tomar con te:
INGREDIENTES para unha bandexa
2 cuncas (cup) sémola
1/2 cunca mel suave
1/2 cunca aceite oliva
canela
anís en gran
sésamo
PREPARACIÓN
Mesturar todos os ingredientes ata que amalgamen ben.
Estender sobre unha bandexa cuberta con papel e cortar en cadriños.
Enfornar uns 40 min a 150ºC. Trátase de que sequen ben pero sen que se torren. Endurecen máis cando enfrían.
19/1/14
Garbansoh tohtaoh
A quen non lle gusta petiscar algo salgadiño e crocante cunha cervexa? Aproveitando que tiña o forno quente logo de cocer pan, puxen a tostar uns garavanzos. É moi sinxelo e saen moi ricos:
- Estender garavanzos cocidos (canto máis secos, mellor) nunha bandexa e enfornar a 200ºC uns 15 min
- Mentres, preparar nun bol unha pasta con ras al hanout, aceite, limón e sal.
- Quitar os garavanzos do forno e mesturarlos no bol coa pasta.
- Enfornar uns 15 min máis atá que estean crocantes (non moito, porque logo endurecerán máis).
Coidado, que son adictivos.
12/1/14
Repetimos
A mesma masa da semana pasada, esta vez coa primeira fermentación retardada en frío e algo mellor formado e greñado. Sabor máis ácedo e miolo máis húmido e xelatinizado. Tamén bo. Non hai queixa :)
7/1/14
Un bo comezo
Como me gusta que as cousas saian ben! :)) Non comeza mal o ano, polo menos canto ao pan. A ver se seguimos nesta liña.
INGREDIENTES
300 g fariña de trigo do país moída en pedra de Lalín
200 g fariña de trigo de forza eco moída en pedra Bacheldre Watermill
50 g fariña de millo moída en pedra Adpan
200 g masa nai de trigo de Lalín ao 100%
420 g auga [80%]
10 g sal [1,5%]
PREPARACIÓN
Desfago a masa nai en auga, engado as fariñas e mesturo ben.
Autolise 45 min.
Engado o sal e amaso dentro dun bol grande.
Primeira fermentación 5.30 h (aprox), con 3 S&F
Boleado e formado.
Segunda fermentación en banetón aprox 2 h
Forno ben quente con vapor 20 min, logo sen vapor 55 min a 200ºC
Repousa toda a noite na grella dentro do forno coa porta entreaberta.
5/1/14
Roscón
Estupendo roscón de reis, tenro, esponxoso, suave e menos tostado do que semella na foto.
Este ano fíxeno coa receita de Ibán (Pan casero, p. 176), con mínimos cambios: substitúo a manteiga por manteiga cocida, o ron por auga e acrecento un toque de esencia de anís. Forno a 180ºC cuberto cunha folla de papel de aluminio.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)







