25/10/09

Outro pan de molde (Simple milk loaf)


PAN DE MOLDE BÁSICO - SIMPLE MILK LOAF

INGREDIENTES para dúas pezas duns 800 gr c/u (dous moldes de 1,5 l)
500 gr fariña de trigo do país (El molino del abuelo)
500 gr fariña de forza (Modesto)
700 gr leite morno (70%)
12 gr lévedo prensado [non tiña o 2% que pide a receita]
50 gr manteiga derretida (5%)
40 gr mel (4%)
20 gr sal (2%)
Sementes de mapoula e sésamo

PREPARACIÓN
Misturar lévedo, leite e mel.
Á parte, misturar as fariñas co sal e incorporar os líquidos.
Engadir a manteiga derrretida e deixar repousar 15'
Amasar.
Deixar levedar 60'
Dividir a masa en catro partes e formar bolas. Colocar dúas bolas en cada un dos moldes empapelados.
Deixar repousar 90'
Pulverizar auga e esparexer sementes de mapoula e sésamo
Enfornar 15' a 210ºC e 30' a 189ºC
Quitar o papel e deixar arrefiar.


CATA
Un pan de molde prototípico, perfecto para o almorzo, tamén para bocadillo. É tenro e consistente a un tempo, cunha fina codia. Sae bonito, douradiño.
Moi fácil e rápido de preparar.


PROCEDENCIA
Simple milk loaf de Dan Lepard, The handmade loaf, p. 46. Substitúo o sirope por mel.

Molleticos e chapatines (Light rye not-so-flat bread)

Molleticos e chapatines, todo feito coa mesma masa, para bocatas.


PROCEDENCIA
Light rye flatbread de Dan Lepard, The handmade loaf, p. 168

18/10/09

Pan básico sourdough, toda a noite fóra (3ª ed)

PAN BÁSICO SOURDOUGH, TODA A NOITE FÓRA (3ª ed)

INGREDIENTES para dúas pezas duns 900 gr cada unha
1000 gr fariña de forza da panadería Modesto
400 gr masa nai (100% centeo integral)
640 gr auga (70%)
18 gr sal (1,5 %)
3 gr malta de trigo

PREPARACIÓN
Misturar fariña, auga e masa nai. Autolise 20'
Amasado Lepard (15"+15')x4. Engado o sal contra o final do amasado. É unha masa fácil de manexar.
Varios S&F e deixar levedar 90'
Dividir a masa en dous, formar e colocar nos banetóns moi ben enfariñados.
Cubrir con fariña e deixar repousar toda a noite ao fresco (estiveron 9 h a 16ºC)
Cocer sen vapor: coloco unha xarriña con auga dentro forno (non se evapora moita) pero non abro para pulverizar, penso que se perde moita calor.
Enfornar 60':
Os primeiros 8' a 240º, logo baixo a 220º
Aos 20' retiro a xarriña.
Aos 30'xiro a bandexa.
Aos 40' dou volta aos pans.
Unha vez cocidos déixoos arrefiar sobre a grella dentro do forno apagado coa porta aberta.


CATA
Coida moi boa pero miolo demasiado compacto, ainda que con algúns buracos sorprendentemente grandes. Miolo algo cocido de menos no centro; é estraño porque ultimamente adoito cocer a 200º e estes estiveron a 220º.
Moi saborosos, con carácter pero non excesivamente ácedos.
Rebentaron pola parte de abaixo.


A MELLORAR
Como non tiña cúter nin un coitelo ben afiado, os cortes foron un pouco chapuceiros e demasiado superficiais.
Penso que poderían ter repousado máis tempo e que terían precisado un amasado máis intenso.

Non chego a ningunha conclusión no que se refirse á malta nin ao non vaporizado :-m

17/10/09

Mini tiramisú


É diminuto (o prato é de sobremesa) porque está feito co que sobrou despois de facermos unha boa fonte de tiramisú. Larpeiros!

14/10/09

Pan bregado (o pan pataca)

Parece unha pataca, non leva pataca.
PAN BREGADO (O PAN PATACA)

INGREDIENTES
400 gr fariña de forza (Harimsa)
5 gr lévedo prensado (1,25%)
240 gr auga (60%)
6 gr sal (1,5%)
6 gr azucre (1,5%)

PREPARACIÓN
Amasar ben, deixar levedar, desgasificar, amasar outra vez, formar e deixar repousar.
Cocer sen vapor.

10/10/09

Bocata en Sanabria


Alá arriba, diante do refuxio do Pico del Fraile. O pan levámolo feito de casa, era este.

7/10/09

Pan de molde branco


PAN DE MOLDE BRANCO

INGREDIENTES para dous moldes de 1,5 l - O PRIMEIRO PAN CON MALTA
770 gr fariña de forza (Harimsa)
5 gr malta de trigo
70 gr manteiga (10%)
35 gr panela (5%)
200 gr leite
270 gr auga (aprox 70%)
6 gr lévedo prensado
12 gr sal (2%)
copos de avea e sementes de mapoula para adornar

PREPARACIÓN
Misturar ben todos os ingredientes agás a manteiga e deixar repousar uns 20'
Amasar. Ir engadindo pouco a pouco a manteiga.
Facer unha bola e deixar levedar 1 h
Quedou unha masa bastante pegañenta, difícil de manexar. Dividín en dous, desgasifiquei e formei como puiden.
Colocar nos moldes empapelados, pulverizar auga e esparexer copos de avea e sementes de mapoula.
Deixar repousar 1 h
Aquecer o forno a 200ºC
Enfornar 40'
Fóra do molde e sen o papel, deixalo 10' máis co forno apagado e a porta aberta.


CATA
Ben cocido e relativamente ben formado. Consistente dabondo para facer bocadillos.
Ten un sabor un pouco tonto, medio doce, pero vai ben con recheo salgado (ou será que tiñamos moita fame... )

A MELLORAR
Pódese reducir a cantidade de manteiga para facelo máis lixeiro. Tamén de azucre para que non sexa tan de almorzo.


PROCEDENCIA
De Madrid tiene Miga, dobrando as cantidades. Engado malta recén feita, é o primeiro pan no que a usamos.