8/9/12

Probando, probando (2)

 
 

Sigo facendo probas coa fariña nova e sigo sendo eu quen non está á altura >:(  Greño con pouca decisión, o pan ábrese por abaixo e non sube (intúo) todo o que podería. Con todo, saiu un molete ben bonito e saboroso e arrecende de marabilla.

O outro día foi un pan so dese trigo, o de hoxe é o "pan da casa", o que adoito facer cada semana: 500 g fariña de trigo, 200 g masa nai de centeo, algo máis do 70% de auga (partín do 70 e engadín máis sen pesala) e 1,5% sal. Tres pregados en tres horas, retardo en frío toda a noite, temperado, preformado e formado e un par de horas máis no banetón. Enfornado coma sempre: 15 min a 240º con vapor e 45 min a 200ºC sen el. Todo un pouco a ollo e mentres facía unha chea de cousas máis ao mesmo tempo.

Non está cocido de máis, sae tan escuro porque as fariñas tamén o son: o centeo (delicioso, de Triticatum) é 70% extracción e o trigo (de Bacheldre Watermill) 80%, ámbalas dúas ecolóxicas e moídas en pedra.

Como estou sendo tan torpe para os greñados, podo optar pola solución fácil: enfornalos co cu cara arriba e que fagan o que lles pete. En realidade saen moito máis bonitos por abaixo!