23/9/12

Botando fume

 
 

Hoxe puxen o forno a traballar: pan, empanada e mazás asadas.

O mellor foi a empanada, que fixen a catro mans con meu pai: el o amoado e eu a masa (así adoitaban repartir a tarefa miña avoa e máis el). De forma non nos quedou moi ben pero de sabor e cocción si.

Pequenas xoias azuis


Non son lindísimas?

O vento botou abaixo o tinglado das fabas e apañeinas todas por medo a que a choiva as estragase.

Déronse ben, non hai queixa, xuntei unha boa bolsa.

Moitas grazas pola semente, Antón!

16/9/12

Molete do país

 
 

400 g fariña de trigo de forza ecolóxica moída en pedra (Bacheldre)
400 g masa nai desa mesma fariña, ao 100%, pouco madura
75% auga
1,5% sal

Á galega, cunha soa fermentación (retardada), formándoo xusto antes de metelo no forno.

8/9/12

Pan de sidra e centeo


Este da dereita é un pan 100% centeo feito con lévedo de mazá, unha maneira moi sinxela de obtermos unha masa nai.

Fíxeno seguindo as indicacións do Sour 100% rye bread de Dan Lepard (The handmade loaf, p. 31), un pouco por libre polo que se refire ás cantidades. Para a parte de centeo que vai escaldada usei, no canto de auga, unha sidra irlandesa Magners que tiña por casa e que ninguén quería.



O centeo e a froita sempre fan boa parella; se a iso engadimos que este tipo de lévedo aporta ao pan un sabor dociño e afroitado e que a fariña de Triticatum sabe a canela, mmmmm....

Probando, probando (2)

 
 

Sigo facendo probas coa fariña nova e sigo sendo eu quen non está á altura >:(  Greño con pouca decisión, o pan ábrese por abaixo e non sube (intúo) todo o que podería. Con todo, saiu un molete ben bonito e saboroso e arrecende de marabilla.

O outro día foi un pan so dese trigo, o de hoxe é o "pan da casa", o que adoito facer cada semana: 500 g fariña de trigo, 200 g masa nai de centeo, algo máis do 70% de auga (partín do 70 e engadín máis sen pesala) e 1,5% sal. Tres pregados en tres horas, retardo en frío toda a noite, temperado, preformado e formado e un par de horas máis no banetón. Enfornado coma sempre: 15 min a 240º con vapor e 45 min a 200ºC sen el. Todo un pouco a ollo e mentres facía unha chea de cousas máis ao mesmo tempo.

Non está cocido de máis, sae tan escuro porque as fariñas tamén o son: o centeo (delicioso, de Triticatum) é 70% extracción e o trigo (de Bacheldre Watermill) 80%, ámbalas dúas ecolóxicas e moídas en pedra.

Como estou sendo tan torpe para os greñados, podo optar pola solución fácil: enfornalos co cu cara arriba e que fagan o que lles pete. En realidade saen moito máis bonitos por abaixo!

3/9/12

Tortilla de ortigas


Non hai nin que ter horta para comer verdura gratis e acabada de apañar canda a porta da casa.

Foraging, disque lle chaman a isto. Pois vale.

2/9/12

Probando, probando

 
 
 
 

Fixen un pan básico de masa nai, retardado no frigorífico, para probar que tal aguanta a fariña de Bacheldre Mill unha fermentacións longa: fíxoo moi ben. Non lle botei nin un gramiño de centeo a propósito, para probar o sabor desta fariña soa e a verdade é que me gustou, aínda que eu son moi de centeo. Sabe a pan-pan.

A fariña portouse ben, quen meteu a pata fun eu: para unha vez que formo ben, greño desastrosamente mal >:(

Da horta


Nunca tivera tantos e tan bos tomates como este ano. Estes son algúns dos que recollimos hoxe, o máis grande (á dereita) anda polo medio kilo.

Teño moita sorte :)

1/9/12

Dolmadakia heterodoxas


Son follas de parra recheas de arroz, cebola, algo de tomate e cabaciña, un chisco de bacallau e cayena moída. Un recheo heterodoxo e saboroso que improvisei con restos que tiña por casa.

Non é tan complicado como parece: so hai que escaldar as follas, preparar o recheo salteando todo nunha tixola, envolvelo nas follas, colocar os paquetiños nunha tarteira coa pechadura cara abaixo e cocelos con auga, aceite e limón cubertos cun prato ou algo que pese.

Foi Eva quen me tentou ;)