29/5/11

Bento a sotavento

O xantar de hoxe no PR-G 38, entre o Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses: un sinxelo bento a sotavento.

Fixen o mesmo pan da semana pasada pero engadindo 25 g de melaza, así está aínda mellor. Pouco vai durar!

15/5/11

Strata na fervenza

Hoxe fixemos unha ruta polo río Ulla en Touro (PR-G 121) e por variar un pouco non levamos bocata: levamos unha strata (non, isto da foto non é unha tortilla de patacas). Comémola no salto das Pombas mentres disfrutabamos das acrobacias das lavandeiras. De aperitivo, os pequenos amorodos silvestres que fomos collendo polo camiño.

A strata é unha variante salgada do clásico pudín de pan reseso, leite e ovos.

INGREDIENTES para dous moldes de 1,5 l (abondo para 4 persoas)
250 g pan
500 g leite
4 ovos
200 g touciño entrefebrado (bacon)
1 cebola
unha presada de cogumelos
queixo ralado
tomates secos
un chisco de pimenta

PREPARACIÓN
Cortar o pan en dados e poñelo nun bol grande.
Cortar o touciño en anaquiños e saltealo nunha tixola. Reservalo e na graxa que soltou pasar a cebola, os tomates e os cogumelos, todo en anacos pequenos.
Botar todo o anterior por riba do pan.
Batir os ovos co leite e engadilos tamén. Condimentar.
Remexer e repartir nos moldes engraxados ou empapelados. Cubrilos e deixar repousar varias horas (eu tívenos toda a noite).
Enfornar uns 45 min a 180ºC

Acabado de saír do forno está tenro, pero despois adquire consistencia e aguanta ben varias horas na mochila. Pódese cortar en tacos e comer coa man (nós levamos cubertos porque somos así de finos).

A receita está tirada de aquí.

7/5/11

O molete na cocotte

Había ben tempo que non facía pan e hoxe prestoume: pan de trigo do país con masa léveda de centeo integral, noces (de casa!) e uvas. O molete coceu na cocotte e a outra peza fóra, canda ela.
Andaba liada noutras lerias e foi todo un pouco a ollo, sen atender moito a cantidades, tempos e temperaturas. Non saiu mal, malia non ser eu tan boa panadeira como Colette, mestra cociñeira.

Primicias

Estes rabanitos de hoxe son o primeiro que collemos da horta este ano, fíxome moita ilusión :)
Están deliciosos, no punto xusto de picante e cheos de auga.
Creceron a unha velocidade incrible: un mes da semente á mesa.

4/5/11

Larpeirada exprés

Unha versión fast-food das empanadillas de cidra de toda a vida: masa de empanadillas comprada, cidra comprada, améndoas picadas e un toque de canela e cravo para darlle algo de dignidade á cousa.