7/4/13
Aproveitando
Aproveitando que tiña auga quente de cocer pasta, cocín tamén nela unhas patacas que andaban medio esquecidas pola cociña e comezaban xa a axurumelar. Logo usei esa mesma auga para amasar o pan. Disque fornece máis amidón, o lévedo ten más alimento dispoñíbel e o pan sae máis doce. Non sei que haberá de verdade, o caso é que o pan saiu moi ben.
A receita non pode ser máis sinxela, é un pan de lévedo normal, sen prefermentos, retardos nin pregados e amasado dentro do bol para ter que limpar menos.
INGREDIENTES para un molete de 1,5 Kg
900 g fariña de trigo de forza Bacheldre Watermill
270 g pataca cocida enteira
680 g auga de cocer as patacas (ollo, non todas as fariñas absorben tanto líquido)
40 g manteiga
9 lévedo fresco
9 g sal
PREPARACIÓN
Disolver nun bol amplo o lévedo coa auga e triturar aí a pataca e a manteiga.
Mesturar a fariña e o sal.
Remexer ben até que estea todo ben integrado. Será unha masa pegañenta.
Amasar dentro do bol (eu fixen amasados curtos).
Tapar e deixar levedar.
Formar e deixar repousar de novo.
Enfornar 20 min a 240ºC con vapor e 55 min máis a 200ºC sen vapor.
Deixar arrefriar dentro do forno quente, apagado e coa porta entreaberta.
A idea douma unha receita que lin no libro de Elizabeth David, English bread and yeasted cookery (aquí a primeira vez que a fixen) e que fun modificando ao meu gusto.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)