3/3/13

Pan de antes


Cando as fariñas son boas (estas son todas ecolóxicas e moídas en pedra) e o pan se fai sen présas, é difícil que saia mal. Este sabe e cheira a pan de antes (si, xa sei: antes nin todo o pan era igual nin todo era bo), con ese miolo escuro e húmido tan apetitoso e a codia ben cocida, como me gusta.

500 g fariña de trigo de forza Bacheldre organic stoneground
100 g fariña de trigo Bacheldre malted oak smoked
200 g masa nai de centeo Triticatum (moi líquida, moitísimo máis do 100% de hidratación, non sei canto, fíxena a ollo)
10 g sal
390 g auga

Non lle prestei demasiada atención á preparación, porque andaba con outras lerias, máis ou menos isto foi o que fixen:

Amasados curtos dentro do bol (aprox. 15 seg cada 15 min, 4 veces), primeira fermentación longa cun pregado de cando en cando e logo retardado en frío, preformado e formado e segunda fermentación curta (cousa de 2 h como moito).

Enfornado sen pedra. 20 min a 240ºC con vapor abondo e 45 min a 200ºC sen vapor.

Unha delicia.